Desde a Antigüidade, as xentes seguiron o movemento do sol cara occidente, onde «o sol fai a súa volta», como quería Homero. Segundo o profesor Manuel Rabanal, dúas palabras de campos semánticos distintos irmandáronse en galego en vieira: por unha banda veneria, cuncha de Venus, por outra vieiro, de vía, camiño. Velaí na palabra a forza da idea do Camiño, que, neste andar até o Fin, nos leva desde Santiago de Compostela ao mar, até Muxía e Fisterra: velaquí as etapas que xa percorreron peregrinos históricos.
Etapa de 20,9 Km, de dificultade alta e cun tempo de percorrido estimado de 4 horas e 20 minutos. Sáese da praza do Obradoiro cara a rúa das Hortas e a carballeira de San Lourenzo. Os fitos que salientan son o nucleo de Augapesada, coa súa ponte, o outeiro de Mar de Ovellas coas súas vistas, a espectacular Ponte Maceira (na foto) e a vila de Negreira cos seus pazos, 2.000 habitantes, a maior poboación da etapa. Pasada a vila e cruzdo o río, chegamos ao albergue.
Son 37,3 Km os que se fan nesta etapa de dificultade media, cun duración estimada de 7 horas e 45 minutos. Crúzanse paisaxes con vexetación autóctona, pero tamén milleirais, piñeiros e eucaliptos. Atravesaremos a comarca do Xallas, con vistas espectaculares no Monte Aro. Veremos hórreos de interese en Maroñas, a igrexa románica de Santa Mariña e xa en Olveiroa os hórreos de pedra de moito engado (na foto) e, o fermoso albergue nunha casa rehabilitada.
Andaremos 8 horas e 15 minutos os 32,7 Km de dificultade alta. En Hospital viramos á dereita cara Dumbría e pasamos logo por Ozón e Moraime, na foto. Por fín, Muxía e a Virxe da Barca.
Son 4 horas e 25 minutos o que levan os 20,7 Km de dificultade media-alta. En Hospital viramos á esquerda e no Cruceiro da Armada veremos xa o cabo Fisterra, para baixar logo a Cee e Corcubión.
Son 14,2 Km de dificultade alta, que levan unhas 3 h. Temos unha forte subida até o Campo de San Roque e pasamos logo por Estorde e Sardiñeiro antes de chegar a Fisterra e subir ao faro.
Son 7 h. e 15 minutos no que andamos 28,7 Km de dificultade alta. O Camiño vai sempre perto do mar e veremos magníficas praias abertas ao océano. Podemos andar a ruta nos dous sentidos.