chegar ao fin da terra

chegar ao fin da terra

Velaquí o fin da terra no Mundo Antigo. O primeiro xeneral romano que chegou á antiga Gallaecia viu con horror como o deus sol se afundía inflamado e vermello no mar; tiña chegado ao Fin da Terra. Hoxe sabemos que é o cabo da Roca en Portugal o punto máis occidental de Europa, mesmo que o cabo Touriñán, no concello de Muxía, é o punto máis extremo da Galiza, pero Fisterra é o lugar do mito, tal como o contou George Borrow que viaxou por estas terras en 1837: «Chegamos a un lugar exactamente igual a como na miña mocedade imaxinara o fin do mundo, alén do que había un mar tormentoso, o abismo, o caos.» Pero para os antigos galaicos, estas terras do Fin foron sempre o limiar do Paraíso.

O limiar do Paraíso

O limiar do Paraíso

Velaí na foto a barca de pedra que trouxo a Virxe a Muxía. Diante do santuario están as pedras prodixiosas: a barca, que serve de rito de paso para curar doenzas dos cadrís, a vela, que serviu como pedra abaladoira e adiviñatoria, e aínda
a pedra do leme. Porque, segundo as crenzas dos antigos galaicos nesta costa embarcaban os defuntos para chegar ao Alén, ao Paraíso, á Avalón dos antigos británicos. Desde alá viñan á Galiza os santos en barcos de pedra.

A última luz de Europa

A última luz de Europa

O cabo Touriñán é o punto máis ocidental da Galiza, por escasos graos de diferenza con Fisterra. Tamén é aquí o Finis Solis, o lugar onde se apaga o último raio de luz sobre o continente europeo, acontecemento que ocorre aproximadamente durante un mes ao ano, entre o equinocio de preimavera e o 25 de abril. Levantado sobre uns cantís de 93 metros de altura sobre o nivel do mar, o faro vello de Touriñán, construiuse en 1898.

A Costa da Morte

A Costa da Morte

Os restos do vapor portugués Silva Gouveia, de 60 m de eslora, déixanse ver aínda na foto da praia do Rostro, en Fisterra: naufragou en 1927. Todo este litoral, é coñecido como Costa da Morte, título que lle dou por primeira vez Eduardo Pondal nun dos seus poemas, porque, só entre 1773 e 1975, houbo aquí 148 sinistros con 553 vítimas, naufragando buques como o británico The Serpent (1890) ou o francés Nil (1927).

Un balbordo arrepiante

Un balbordo arrepiante

Décimo Xunio Bruto, un devanceiro daquel Bruto que matou a César, foi o primeiro xeneral romano que chegou á Galiza. No ano 137 a. C. cruza o Douro cara o norte, vence os galaicos, e penetra na antiga Gallaecia. Aquí contempla arrepiado como o océano engule o globo candente do deus sol, que desaparece nas augas do mar tenebroso: tiña chegado ao fin do mundo. No ano 36 a. C. o senado romano concedeulle o título de ‘Galaico’ por ter chegado ao extremo occidente.

O mundo segundo os antigos gregos

Para os antigos gregos a terra era plana e tiña un fin. Concibían a terra coma un disco flotando sobre a auga, co mediterráneo no interior, con Grecia no centro, e todo rodeado polo océano. Así o concibe aínda Herodoto (485-425 a. C.), que nos lega unha imaxe do mundo como a do mapa aquí reproducido. Iberia sitúase no occidente e Fisterra no extremo. A partir de Parménides (514-450 a. C.) e xa con Aristóteles (384-322 a. C.) a terra comeza a considerarse como unha esfera.