Nesta cabeza de peregrino de Borgoña (século XV), conservada no Metropolitan Museum of Art de Nova Iorque, salienta o símbolo da peregrinación a Santiago, creado pola Igrexa Compostelá hai novecentos anos. Os peregrinos conserváron a vieira como sinal de ter chegado ao extremo confín da Terra, ao Mar Maior. Aquí, nas costas de Fisterra e Muxía, apañábanse na ribeira, na Idade Media xa se vendían en Santiago e facíanse tamén de chumbo e outros metais. O símbolo xacobeo popularizouse e hoxe son máis de cincocentos os concellos franceses que mostran cunchas nos seus escudos, case cen en Alemaña, máis de cincuenta en Portugal, trinta en Suíza ou en Chequia... Son as pegadas dun camiño que chega até o Fin.
Esta vieira de peregrino, achada no subsolo da catedral de Santiago, é anterior a 1120. Foi pouco antes cando se creóu o símbolo: entre 1099, cando os cruzados toman Xerusalén e abren a peregrinación aos lugares santos do cristianismo, e 1106, ano no que acontece o milagre de Apulia, Italia, no que a cuncha dun peregrino sanda un cabaleiro (Códice Calixtino). Ante a popularidade das palmas, que traen os que volven de Xerusalén, Compostelá crea o símbolo da vieira.
«Neste lugar chamado Fisterra, situado cabo do Oceanus Occidentalis, a ribeira está chea de moluscos dos que adoitan levar pendurados os peregrinos...». Así contaba o austriaco Cristoph Guzinguer, que peregrinou a Fisterra e Muxía en 1654. Foi a abundancia destas cunchas o que levou a Xelmírez, arcebispo de Compostela entre 1100 e 1136, a idear un distintivo barato para a peregrinación Xacobea: o sinal de ter chegado ao Mar Maior, ao Fin da Terra.
A vieira é un bocado exquisito. Na Galiza cómense moluscos desde a prehistoria, así o acreditan os cuncheiros, depósitos de cunchas e outros refugallos de comida, achados en xacementos da Idade do Bronce. Pero as vieiras parecen entrar na culinaria galega moito despois. A receita máis común é preparalas ao forno, con ou sen pan relado, como as do chef de Muxía Alfonso Antelo, pero tamén en empanada, quizais como aquela que está representada no Pórtico da Gloria.
Este título é unha onomatopea, unha palabra en lingua galega, que fai referencia ao son das cunchas de vieira cando se fretan unha contra outra. Son un instrumento ancestral, pero aínda moi vivo na música tradicional galega, acompañando o canto ou o son dunha gaita, como reflicte esta copra popular: «Eu teño un canciño bonito abofé, / que baila a muiñeira na punta do pé, / na punta do pé dá pinchos pra atrás / e toca nas cunchas o chascarraschás».
O sueco Linneo (1707-1778) foi o creador da clasificación científica dos seres vivos, cun sistema binominal en latín, que indica xénero e especie. En 1758, Linneo designa Pecten jacobaeus ás vieiras, pero esta é unha especie endémica do Mediterráneo. Pouco despois, o científico designa como Pecten maximus á especie endémica das costas galegas e de todo o atlántico europeo, que son de maior tamaño que as mediterráneas.
No mapa: distribución das dúas especies en Europa (Ramón Cabello et al. 2001).